
Solpor finlandés
A idea de Finlandia naceu durante unha viaxe no Expreso do Mediodía, o inacreditábel comboio que une Porto con Vigo. Ía no tren lendo un libro sobre o Robert Wilson e a arte de facer teatro cun pouco de morro e outro tanto de delirio. No libro falábase de que o tipo, ao principio da súa carreira, traballaba con todo tipo de persoas que envolvía nos seus espectáculos como actores deixando que se expresasen por si mesmos, ao seu xeito. Pareceume unha idea interesante, procurar sobre o palco esa naturalidade que as persoas empregan na taberna ou na rúa, con todas as reservas que hai que tomar sobre o asunto cando se trata de facer teatro. Entón o tren comezou a cruzar por Vila Praia de Áncora e puiden ver un solpor frío e azul sobre o Atlántico, esfumado pola brétema, de gran beleza, como é frecuente naquela vila portuguesa.
Había tempo que non volvía a Galiza, e viña cismando eu sobre as singularidades da nosa identidade, nacional ou non, cando vendo aquela estampa se me ocorreu a idea de escribir unha peza de teatro sobre un lugar chamado Finlandia, dominado por un eterno e frío solpor e do que era imposíbel saír.
Unha señora portuguesa e outra galega falaban ao meu lado sobre un tipo que lle medía o nariz catorce metros por causa de mentirlle tanto a súa muller.
Destas andainas ferroviarias naceu a idea de Finlandia, un cruce entre o teatro do absurdo e o simbolismo popular, tal vez un xeito de esclarecer os solpores xeados da nosa identidade, sexa iso o que sexa, que tampouco é cousa tan clara como a neve.
A catástrofe do Prestige, poucos meses despois desa viaxe, deume o resto das ideas para pechar o texto.
Carlos Santiago











1 comment
Comments feed for this article
Maio 11, 2009 a 12:15
Cita en Finlandia « Grøenlandia
[...] cismar e que grazas ao Teatro Biodegradábel de Ohio, compañía teatral ilegal e imaxinaria, é xa unha realidade, con todas as prevencións que a tal palabra require. Vaia por diante o meu agradecemento e [...]